A voceira do G.P do BNG, Ana Pontón, acusou hoxe a Núñez Feijóo de liderar un goberno “irresponsánbel”, “inútil” e “prescindíbel” que fuxe das súas responsabilidades e é incapaz de xustificar na Cámara a renuncia ao que supostamente era o seu Plan Estrela contra a crise, o novo concurso eólico.
Visto en BNG, novas.
A parlamentar denunciou que este País está atravesando a peor situación económica e social dos últimos 30 anos, cun rércord histórico de parados, con desigualdades sociais que avanzan a pasos axigantados, cun dos índices de Produción Industrial máis baixos do Estado e con milleiros de mozos que só teñen a precariedade ou a emigración como saída. “E fronte a esta situación –dixo- vostede só adoptou decisións que lle saen moi caras a este País, como o sistema de financiamento inxusto, a bancarización das caixas ou a supresión do concurso eólico anterior, un concurso perfectamente legal, que anulou irresponsabelmente e levou a un parón do sector”. Para a voceira parlamentar, que hoxe se estrenou neste labor na sesión de control ao Goberno, a “insolvencia” do Executivo de Feijóo está agravando a diíficil situación que vive o País, por iso urxiu do presidente da Xunta que deixe de fuxir das súas responsabilidades e se poña a traballar para sacar adiante Galiza. “Para iso lle pagan os galegos e galegas –continuou-, pense Señor Feijóo que se lle aplicaramos a reforma laboral que ven de aprobar Rajoy hoxe mesmo podiamos despedilo”.