O neofalanxismo popular, medrado polo derrubamento do Partido Socialista, está a aplicar o seu programa de máximos a todo gas, coa escusa da crise e do desemprego. Á señora Cospedal fáltalle tratar aos cidadáns e ás cidadás de DESCAMISADOS, para pechar o circuíto do regreso ás esencias ideolóxicas que a embargan e a conducen á saudade das escuadras vitoriosas. Certos Ministros, criados ao lume do neoliberlismo máis reaccionario e fracasado, en institucións como Lehman Brothers ou Goldman Sachs, permítense o luxo de vender, sen recato, o futuro dos/as traballadores/as do Estado en Europa, como se se tratara da cabeza do rinoceronte recén capturado en Tanzania "You will see....it will be extremely agressive". Lacaio !!!. E, por riba, unha maré de mexapías, ben pagados adoutrinan a parados e activos "por la gracia de dios" con abortos restrinxidos, pírulas do día despois retiradas, educacións para a cidadanía, prisións permanentes e, calquera dia, penas de morte, tamén revisábeis, polo altísimo.
Mais, isto é o que cabía agardar. Tan só os iñorantes e férridos e duros, imbéciles e escuros, entre os que de certo deben estar os dirixentes do sindicalismo español (por sermos benéficos), crían que os falanxistas de novo cuño habían respectar a chamada convivencia democrática no Estado. Meus pobres !!!. Despois de ollar a política de demolición, das accións do bipartito, posta en marcha na Galiza polo ghastaspistas local, quen, con dous dedos de fronte, podía agardar que a dereita, presa da melancolía que arrastra dende o 11M, non virase a situación do Estado cara o seu proprio comedeiro ideolóxico: o falanxismo de novo cuño "ultraliberal, no económico e mexapías, no social".
A primeira na fronte!. Entre os consensos da chamada transición á democracia, as partes intervintes no que aquilo for, pactaran a legalización das centrais sindicais, o recoñecimento dos dereitos dos traballadores e traballadoras á negociación colectiva, á liberdade sindical, á igualdade, etc. Un conxunto de disposicións que procuraban dar un verniz social de credibilidade ao último Estado fascista de Europa occidental que, aínda hoxe, non respostou ante a xustiza polos crimes cometidos polos seus dirixentes. Pois ben, tras a publicación do RDL 3/2012, de 10 de Febreiro de medidas urxentes para a Reforma do Mercado Laboral, nen sequera ises consensos mínimos, fundamentais para entender a transición política española, se van manter e respectar pola organización que hoxe nos goberna, herdeira ideolóxica dos que conduciron aos/ás traballadores/as e demócratas ibéricos polas cunetas durante mais de 40 anos.
A convivencia democrática constitúe un concepto de difícil dixestión para a filosofía política da dereita española. A presión social, a separación entre poderosos e serventes, o designio divino dos/as destinados/as a servir, dos señoritos, de las monjitas, dos caciques, etc, constitúen mantras da dereitona que larvan ou eclosionan, dependendo do momento histórico no que se estea; mais nunca extinguen, debido ao que unha parte desa "congregación anacrónica" considera como a súa procedencia elevada e superior. Non negan, formalmente, o dereito á igualdade. Ao contrario, sempre que hai un foco ou unha cámara, conságrano e elévano ao altares. Porén, baixo o abeiro das bandeiras dos seus clubes, dos copazos de coñac que se largan nos seus círculos e cofradías e das súas vidas vividas por 100, falan sen recato de "los obreros", "las criadas", "las putas", "los maricones", "los izquierdistas", "los sudacas", "los moros". Anacronismo, ficción???. Non!!!. Sabes que non!!!. Non tes mais que enchufarte dez segundos aos múltiples altoparlantes ideolóxicos da dereita extrema (Intereconomía, Cope, La Razón, EsRadio, Libertad Digital, ABC, Ondacero, El Mundo....) para constatar que no Estado Español segue a haber uns que pensan, e manifestan publicamente, que a sociedade se divide en dúas ponlas: os camisas viejas de toda la vida que tienen derechos (versión Cayetano de Alba) e os que estamos na terra por estar, pero que se non estivesemos tampouco pasaría nada. Dispoñen até de marionetas circenses para aparvar á povación, quen, facéndose pasar por princesas del pueblo, psicólogos ou quiromantes, diagnostican pragas sociais "aos negros", "aos sudacas", "aos desviados", "as tortilleras", "aos invertidos", descubren "comunistas" e "ateos" e destapan conspiracións separatistas. Xudeo-masónicas aínda non, mais todo chegará. Anacronismo???..Que va!!, de plena actualidade no ano 2012. Isas razóns son as que provocan que a dereita ultra (no Estado non hai outra, exceptuada a dereita subordinada catalana) non empatice ben co concepto de convivio democrático. Como van convivir en pé de igualdade os señoritos, cos que non son de igual berce que eles!!. É por iso, que organizacións partidarias da dereita desenvolven técnicas de presentación e representación social camaleónicas, sixilosas, axexantes, felinas. Nunca din o que pensan directamente, porque se o dixeran o común dos mortais levaríase as maus á cabeza. Sempre falan con ambigüidades e duplos sentidos. A culpa é de calquera, menos deles. Autocualifícanse como serios, rigorosos, traballadores/as. Os seus militantes son abnegados e exemplos sociais, fronte aos dos demais que viven do conto, especialmente os dos sindicatos. Cando un dos seus delinque, primeiro, négano, logo protéxeno por todos as vías: a mintira é a mais doada e, cando xa non poden mais, enlaman o campo de xogo, botando merda a todo o que se menea para distraer a concorrencia, preferindo violar as regras do xogo, que recoñecer o erro.
E así está a situación hoxendía, crispada, desquiciada, extremada, esnacada, pola dereita gobernante, até tal punto é así que as larvas do neofalanxismo eclosionan, ao calor dun goberno irresponsábel, en forma de fraude normativo que procura esgazar as dúas cuestións básicas que sostiñan a aparencia de estado social: os sindicatos e os dereitos dos traballadores/as. Non é preciso ter o Estado na cabeza (nen sería bó) para comprender que a entrega de todo o poder ao empresario, racha definitivamente os consensos constitucionais, por canto o dereito laboral e social na España da transición se fundamentou, no equilibrio, na representatividade, na causalidade e na indubio pro operario. É dicer, nun balanzo de poder, raquítico, pero contrapesado, que permitía a existencia de certas accións sindicais que, agora, definitivamente, desaparecerán, mergulladas no marasmo fraudulento dunha negociación colectiva, sen negociación colectiva, dun sindicalismo, sen poder sindical, dun dereito ao salario, sen dereitos salariais, etc. Por certo, por qué non estabelecer unha cláusula de descolgamento hipotecario ou crediticio???. Se o empresario, cando di que non pode pagar, ten dereito a non pagar, estaría ben conferir ao cidadán que non pode pagar a súa hipoteca, o dereito a descolgarse do creto asinado e non pagalo?.
A técnica da demagoxia, da mentira, do falseamento da realidade, do aproveitamento do poder para enganar á sociedade, do desprestixio das institucións, do medre persoal, leva directamente a unha ruptura, paseniña, pero inexorábel do convivio social. A falsidade, a hipocresía e o cinismo como armas políticas, curtoprazistas, dan resultados imediatos a quen as utiliza, mais inoculan a bacteria rabiosa do resentimento social, da fraude social, da estafa, ao cabo, da división irreconciliábel que pode conducir, no medio prazo, a un estoupido de difícil control, na súas consecuencias. Quen nos ía dicer hai 6 anos que na Grecia, por certo paradiso da reformas laborais, a poboación estaría en estado de sublevación e no Parlamento se falaría de cartillas de racionamento??.
No liberalismo autoritario de tintes neofalanxistas ("no estamos para protestas", bramaba un ministrillo recén fichado dun consulting hai uns días), sábese como se entra (por medio dunhas eleccións), mais non se sabe como se sae, e, de saberse, é preferíbel non mirar a teor do que nos conta a historia contemporánea. A REFORMA LABORAL aprobada pola dereita extrema española, coa complicidade da dereita acomplexada catalá, ha marcar un antes e un despois nas relacións sociais, sindicais e na convivencia no Estado Español. Tras o esnaquizamento, polo PP, do sistema de relacións laborais da transición e a ruptura do chamado consenso constitucional, o sistema político e sindical que coñecíamos xa non voltará a ser o mesmo. Trátase dun envite moi forte, descarado e sen complexos que está a lanzar á sociedade, previamente cauterizada, o franquismo zoombie que volve de ultratumba, con cara de hijo-bien-de-papá e formas liberais. Non temos escusas para non enfrontalo. Nen asesorías, nen medio pensionismo, nen distraccións. Ou gañamos, ou nos esmagan!!. É o momento de exercer de SINDICALISTAS, con maiúsculos. Para iso nos afiliamos á CIG. A historia está ahí, preparémonos intelixentemente para reaxer e devoltarlles o golpe con toda a forza. Sempre que non lles dimos resposta, gañaron e sumiron ao noso País e á nosa clase nunha longa noite de pedra. FOLGA XERAL. FORZA!
En Verín, a 14 de Febreiro do 2012
Manoel Anxo García Torres
Secretario Confederal de Formación para o Emprego da CIG